Sunday 28 de April de 2024

Éxito rotundo en Ordes de Romeo e Xulieta


 

A Casa da Cultura de Ordes colgou onte o cartel de ‘completo’. A obra Romeo e Xulieta, interpretada polos alumnos e alumnas das clases de teatro financiadas polo Concello, foi un rotundo éxito non só polo numeroso público que congregou, senón tamén pola calidade tanto na interpretación como na dirección.

Laura Grela, Miguel Seoane, Pablo Suárez, Fátima Rodríguez, Ana Rodríguez, Sara Rebeca Otero, Uxía Iglesias, Xurxo Romero, Aira Portos, Alba Veiga e Lucas Morán foron os protagonistas. Pablo Meixe, director do grupo, readaptou o texto clásico de William Shakespeare para reivindicar aspectos tan contemporáneos como as relacións entre persoas do mesmo xénero ou os privilexios de clase. Estrea do máis oportuna tendo en conta que coincide coa celebración do Día do Orgullo Gay en numerosos puntos do planeta.

Tanto o Concello de Ordes, como o punto limpo e o Museo do Traxe Juanjo Liñares colaboraron con esta posta en escea.